O pasado día 1 de abril, Un Máis inaugurou unha intensa semana de actos en favor da integración e do coñecemento do Trastorno do Espectro Autista.
Comezamos o luns coa iluminación en azul da área Panorámica en Tui e do edificio do Concello en Tomiño. O martes día 2, con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o autismo, realizouse unha simbólica solta de globos e lectura dun manifesto na Corredera de Tui e na Praza do Seixo de Tomiño.
Con estes actos arrincamos unha semana chea de actividades que se iniciou coa realización de talleres para nenos/ as e a proxección de diversas películas e documentais sobre o TEA.
Grazas á participación de diversos/as especialistas no tema, realizouse un pequeno ciclo de conferencias co que pretendemos achegar e dar a coñecer o trastorno do espectro autista dunha maneira máis ampla e afastada de estereotipos.
Finalmente, o domingo celebramos no Colexio nº1 de Tui unha gran festa na que todos estaban convidados. Para os máis peques tiñamos un amplo abanico de actividades; inchables, pintura, taller de chapas, xogos, carreiras, karaoke e sala de motricidade foron só algunhas das múltiples propostas dispoñibles. Ademais, varias familias pertencentes á Asociación, prepararan unha estupenda merenda que fixo as delicias de todos. Pola súa banda, os maiores puideron deleitarse cun pequeno concerto de piano ofrecido por unha das nosas voluntarias e aproveitaron o ambiente festivo e familiar para intercambiar ideas, opinións e, en definitiva, para divertirse xuntos e demostrar unha vez máis que unha integración real é posible. A festa foi un éxito de asistencia e participación e durante máis de tres horas gozamos dunha tarde de domingo inesquecible.
Queremos agradecer aos Concellos de Tui e Tomiño a súa colaboración, ao Mercado de Abastos de Tomiño a amable cesión dos seus espazos e como non, ao Colexio nº 1 de Tui pola súa inmensa xenerosidade á hora de prestarnos as súas instalacións e infraestrutura, sen os cales nin os talleres para nenos nin a magnífica festa fosen posibles.
Grazas tamén a todos/as aqueles/as que vos achegastes a celebrar a diversidade connosco e por último agradecer a todos/as os/as socios/as vosa axuda na preparación e posta en marcha das distintas actividades; a suma do traballo común é sempre a garantía do éxito nunha Asociación como a nosa.
Desde Un Máis seguiremos traballando para atender ás necesidades das familias e persoas TEA da nosa comunidade. Ata pronto!.