A asociación de pais, familiares e amigos de persoas con trastornos do espectro autista Un Máis foi creada na asamblea fundacional do día 11 de decembro de 2010 e rexistrada no rexistro de asociacións da provincia de Pontevedra co número 2011/014997 con data de 11 de febreiro de 2011.
É unha asociación sen ánimo de lucro que desenvolve as súas actividades no ámbito do Baixo Miño e ten como fins:
- Promover a educación, a formación e a integración social das persoas con trastornos do espectro autista (TEA) ao longo de toda a súa vida.
- Defender os dereitos fundamentais das persoas con TEA, especialmente o seu dereito á educación, e todos os dereitos recollidos na Carta Europea dos Dereitos das Persoas con Autismo, aprobada polo Parlamento Europeo o 9 de maio de 1996.
- Promover a formación de pais, nais, familiares e amigos das persoas con TEA, así como dos profesionais que traballan habitualmente con elas, para contribuír ao seu desenvolvemento integral e á súa autonomía.
- Ofrecer apoio persoal, orientación e asistencia profesional aos pais, nais, familiares e amigos das persoas con TEA, para que sexan capaces de potenciar nelas as capacidades e habilidades necesarias para unha mellor integración familiar, escolar, laboral e social.
- Promover a aprobación de leis axeitadas para mellorar a situación das persoas con TEA e para favorecer a súa integración escolar, laboral e social.
- Apoiar e fomentar estudos e programas de investigación cientificamente fundamentados que teñan como fin a mellora das condicións de vida e da integración social das persoas con TEA.
- Fomentar actitudes sociais positivas cara ás persoas con TEA.
- Promover as adaptacións necesarias nos espazos públicos para favorecer a plena integración neles das persoas con TEA.
- Calquera outro fin que de modo directo ou indirecto redunde en beneficio das persoas con TEA e contribúa para a súa maior integración familiar, escolar, laboral e social, para o seu desenvolvemento integral ou para a súa autonomía.
Se o desexa, pode ler os estatutos da asociación, solicitar ser membro da asociación ou entrar en contacto con nós.